Rexeitamento das familias ao adianto das probas extraordinarias

exame

Logo-CONFAPA

COMUNICADO (en pdf)

Nestes últimos días as familias deste país tivemos coñecemento da proposta da Consellería de Educación, seica avalada pola Xunta Autonómica de Directores, de adiantar as probas extraordinarias da ESO, FP Básica e 1º de Bacharelato a finais de xuño, no canto de realizalas no mes de setembro, como ata agora.

Ante tales novas, das que únicamente temos coñecemento polos medios de comunicación, non podemos senon manifestar o noso mais enérxico rexeitamento, formulado desde a visión parcial e sesgada que provoca o agochamento pola Administración da súa iniciativa. Unha vez mais, pais e nais somos convidados de pedra, sen posibilidade de opinar, aportar, disentir… ainda sendo en grande medida coprotagonistas, xunto cos nosos fillos e fillas, do sistema educativo. Nin se nos informa nin se nos escoita, limitándose a nosa función á de ser un dos supostos “xustificantes” e beneficiarios desa “marabillosa” iniciativa. Unha vez mais, pretenden que llelo agradezamos, sen pedilo nin querelo, en base a razoamentos que distan, con moito, dos que as familias propugnamos. O discurso do aforro dos cartos para as familias non pode ser mais condescendiente, cando temos a experiencia de que son os mesmos profesores os que “recomendan” clases de apoio aos nosos fillos e fillas durante o curso escolar.

Esta iniciativa de adianto dos exames parte da realización das probas extraordinarias do curso no mes de xuño sen ampliar o calendario escolar, de tal xeito que esa avaliación estaría incluída nos días lectivos. Isto suporía, para os rapaces e rapazas que non tiveran superado as asignaturas na avaliación continua ordinaria do curso, a atropelada preparación das probas extraordinarias nun tempo record e inmediatamente despois de ter feito os exames da terceira avaliación, sen tempo material nin folgos para acometer tarea de tal envergadura; mentres, aqueles que teñan aprobado o curso de xeito ordinario continuarían (ou non) acudindo ao seu centro educativo, non se sabe ben a qué, nin por quen estarían atendidos.

Podería, en efecto, esta iniciativa, cos matices necesarios, ter unha finalidade non discriminatoria do alumnado en función da capacidade económica familiar para afrontar o custo das clases de apoio, e ainda podería entenderse beneficiosa, de ser o mesmo profesorado o que impartise o curso académico e esas clases preparatorias das probas extraordinarias. Pero esta posibilidade de ningún modo pode ser atendida de pretenderse, como parece, establecerse dentro de período lectivo ordinario. Só unha vez rematado ese período, a finais de xuño, entenderíase ese apoio extraordinario á rapazada que non superou o curso; así sí, sexan os exames extraordinarios en xullo ou en setembro de seguro sería agradecida por moitas familias.

En definitiva, non vemos nesta iniciativa mais que un claro favorecemento á Administración educativa, que pretendendo optimizar ainda mais os escasos recursos dos centros educativos persegue ter rematado a principios de xullo todo o traballo administrativo de cara ao seguinte curso (previsión de profesorado, matrículas, banco de libros,…). E os estudantes? ….se aceptamos esta medida, condenados desde xuño a repetir curso sen mais opcións?

As nais e pais, ademais desa condición de proxenitores e de tamén ter sido estudantes, temos outras capacidades.Temos preparación dabondo e sabemos ben de que falamos, non somos tontos útiles. Por iso, con coñecemento de causa, sabemos que estamos ante unha iniciativa que en absoluto beneficiará aos nosos fillos e fillas, que é pedagóxicamente nefasta, e que só redundará nunha porcentaxe ainda superior ao xa abafante abandono escolar actual.

Como representantes das familias lexítimamente recoñecidos nas nosas federacións e confederación de anpas, membros dos Consellos Escolares dos Centros, e dos Consellos Escolares municipais e autonómico, pedimos á Consellería teñan en conta a nosa opinión e argumentación en contra da medida de adianto das probas extraordinarias de setembro; e apelamos á responsabilidade social dos sindicatos do ensino e aos seus representados, para que se manifesten en contra dunha medida lesiva para o seu alumnado.

Xunta Directiva CONFAPA-Galicia

1 Comentario en "Rexeitamento das familias ao adianto das probas extraordinarias"

  1. La medida que se pretende aprobar es un disparate toda vez que va en perjuicio del alumno porque el niño que no aprobó en junio, por la razón que sea, es imposible q apruebe a finales de junio ya que no tiene tiempo material para ello.

Deixa una resposta a Ana Cancelar a resposta

O teu email no se publicará.

*



*