Qué é CONFAPA?
CONFAPA-GALICIA (Confederación Galega de ANPAs de Centros Públicos) é unha entidade social, galega, non confesional, progresista e independente, sen ánimo de lucro, fundada no ano 1987 polas Federacións Provinciais de ANPAs de Centros Públicos de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que traballa por unha escola pública de calidade, lograr o éxito escolar do todo o alumnado, democratizar o Ensino e mellorar as condicións da Infancia.
Somos a maior Confederación de ANPAs de Galicia, pois agrupamos a preto de 600 Asociacións de Nais e Pais do Alumnado, exclusivamente de Centros Públicos, asociadas as nosas catro federacións provinciais, o que supón máis de 75.000 familias, coas que traballamos por unha escola pública de calidade, lograr o éxito escolar do todo o alumnado, democratizar o Ensino e mellorar as condicións da Infancia. Por iso somos o interlocutor principal das nais e país ante a Xunta de Galicia nas súas negociacións sobre as accións e políticas a impulsar no sistema educativo.
O noso domicilio está na rúa Orzán nº 21 de A Coruña, nun edificio cedido polo Concello desta cidade e que compartimos coa Federación Provincial da Coruña e o Consello Escolar Municipal.
CONFAPA-GALICIA ten por obxecto:
- Acadar un ensino de alta calidade, gratuíto e que desenvolva a personalidade humana no respecto aos principios democráticos da convivencia e aos dereitos e liberdade, ao abeiro do que determina a Constitución Española de 1978 así como a Lei Orgánica 1/2002 de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación.
- Coordinar a actuación das Federacións Provinciais nela integradas en orde á mellor consecución dos seus obxectivos.
- Representar ás Federacións asociadas ante a Administración Autónoma de Galicia e ante a Administración Central do Estado.
- Fomentar o desenvolvemento das ANPAs e das Federacións constituídas por istas, promovendo cantas actividades sexan precisas, así como facilitando información e asesoramento ás ANPAs e Federacións.
- Promover a participación das nais e pais de alumnos a través das ANPAs e Federacións destas nos órganos de goberno dos Centros Públicos e nos órganos de participación na Administración Educativa que a lexislación vixente determine.
- Potenciar a lingua e cultura galegas.
- Establecer relacións coas Federacións de ANPAs doutras Comunidades Autónomas e coa Confederación Española de ANPAs (CEAPA) e a Confédération Européenne des Parents de l’École Publique, (CEPEP)
- Dar pulo á formación de nais e pais de alumnos e ao diálogo pais-docentes-equipos directivos.
- Promover todo tipo de accións para que os grupos socialmente marxinais por motivos de etnia, diminución física, psíquica, sensorial ou de calquera outro tipo, sexan integrados nos Centros Educativos e admitidos con total normalidade na Comunidade Educativa.
Asemade potenciar calquera actividade que conduza á que a planificación dos programas educativos dea resposta á integración social, laboral, cultural e económica dos grupos citados. - Facilitar asesoramento legal a todos os membros asociados e, no seu caso, promover as correspondentes accións administrativas ou xudiciais tendentes a garantir os intereses e dereitos recoñecidos legalmente.
- Promoción do uso do SOFTWARE LIBRE no sistema educativo público, tanto a nivel administrativo como na docencia, debido ao aforro que implica e ao pulo que supón para o desenvolvemento tecnolóxico.
Ademais da nosa actividade conxunta entre as Federacións Provinciais, participamos a nivel estatal en CEAPA (Confederación Española de ANPAs) como integrantes do seu Consello Autonómico sendo a referencia galega a través da Vogalía de Galicia na Xunta Directiva. O Vocal de Galicia, foi elixido recentemente membro da Comisión Permanente de CEAPA.
Estamos presentes a través dos nosos asociados:
- No Consello Escolar de Galicia
- No Consello Escolar do Estado
- Nos Consellos Escolares Municipais
- Nas Comisións Escolares de Comedores
- Nas Comisións de Escolarización (Ed.Primaria, Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos)
- No Observatorio Autonómico de Convivencia
- Nos Plans de Apoio ás familias
- Nas Comisións de Rutas Literarias, Rutas Científicas, etc.
- Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia.
- Alianza Social Galega
Logros
Grazas ás nosas reivindicacións, estes son só algúns dos logros de CONFAPA-GALICIA:
- Gratuidade dos libros de texto
- Acompañantes no transporte escolar e supresión das prazas de 2+1 nos autobuses.
- Apertura de comedores na escola pública a toda a comunidade educativa e aceptación das alumnas e alumnos de tres anos.
- Apertura de centros fóra do horario lectivo para o desenvolvemento de actividades lúdico-educativas.
- Elaboración de plans de convivencia e participación dun delegado de cada ANPA no Observatorio de Convivencia Escolar nos distintos Centros.
- Pese a considerar que os comedores escolares deben estar directamente xestionados pola Consellería de Educación, solicitamos axudas ao servizo de comedor escolar (Xunta e Concellos) postos en funcionamento e xestionados polas Anpas.
- Axudas para o servizo de almorzo/madrugadores nos Centros Públicos.
- Incidimos nunha maior dilixencia na cobertura de baixas docentes e persoal complementario nos centros públicos.
- Insistencia diante das distintas Administracións para a mellora nas instalacións e equipamentos dos centros públicos.
- Decreto do galego.
- Voto de nai e pai -ámbolos dous- nos Consellos Escolares
- Cumprimento das Leis Educativas esixindo un representante directo da ANPA no Consello Escolar de cada centro.
- Ampliación de horario de actividades en setembro e xuño (conciliación familia-traballo)
- Vixilancia e coidado de nenas e nenos dez minutos antes do horario propiamente escolar
- Subvencións ás Federacións e Confederacións
- Subvencións ás ANPAs para a realización de actividades extraescolares.
Obxectivos
- Basearnos na comunicación e na participación. Dar a coñecer a todas as ANPAs, sobre todo ás do rural, que é CONFAPA-GALICIA. Non podemos esquecer que para moitas das familias asociadas é unha entelequia: hailles que transmitir que CONFAPA é o instrumento máis forte e máis útil para negociar coas administracións, dado o prestixio de que goza desde hai anos.
- Transmitirlles que se as distintas Federacións Provinciais son as súas representantes, a unión de todas as Federacións Provinciais é a máxima representación coa que contan as nais e os pais.
- Apoiar todas as xustas reivindicacións das ANPAs do rural, que son nestes momentos as que están a sufrir os maiores recortes e as máis desprotexidas pola dispersión demográfica que existe nestas zonas. É importante incidir nas súas reivindicacións no que se refire á falta de especialistas e aos problemas no transporte escolar.
- A escolarización gratuíta de 0 a 18 anos dentro da rede pública, incluíndo as actividades complementarias e extraescolares, os libros e demais materiais, así como os servizos de comedor e transporte.
- Unha escola democrática e participativa, coa intervención na súa xestión de nais, pais e alumnado mediante as súas asociacións.
- O éxito escolar de todos os nenos e pícaras, mediante unha educación que atenda á diversidade e garanta a igualdade de oportunidades.
- Unha educación humanista e científica, orientada ao pleno desenvolvemento da personalidade e ao fomento de hábitos intelectuais e de traballo, e do espírito crítico.
- Unha escola moderna, orientada á adquisición de competencias básicas por parte do alumnado e que utilice as tecnoloxías da información e a comunicación no proceso de ensino-aprendizaxe.
- Unha escola que forme no respecto aos dereitos e liberdades fundamentais, nos valores da paz e a solidariedade, e no exercicio da tolerancia e a liberdade.
- Unha escola laica, onde o adoutrinamento estea totalmente desterrado.
- Unha educación obrigatoria que capacite para o exercicio dunha profesión ou para a continuación de estudos superiores, dentro dunha concepción ampla de “formación ao longo de toda a vida”, así como para o goce do lecer.
- Unha escola alegre e divertida.