D.Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade.
Ante as últimas actuacións levadas a cabo pola Consellería de Educación e as previsións que está a manexar sobre peches de centros e aulas, así como a supresión do profesorado, nunha treintena de centros de educación infantil e primaria para o vindeiro curso 2021-2022, CONFAPA-GALICIA, en nome de todas as anpas e familias galegas que representa, manifesta o seu total rexeitamento a tales actuacións, que supoñen un claro retroceso nos avances acadados nos tempos dunha pandemia que desgraciadamente dista moito aínda de estar superada.
Estas actuacións supoñen un novo ataque ao ensino público, que coma servizo básico que é ten que estar imprescindiblemente dotado de calidade, acomodado ás concretas circunstancias educativas e sanitarias concurrentes, Trátase, en definitiva, dun abandono, unha vez mais, da educación pública e dos seus destinatarios finais, baseado nunha normativa sobre ratios e unidades de ensino que esquece as necesidades da rapazada nunha priorización da economía sobre o ensino, e ainda da saúde, claramente inxustificable.
O período de fonda crise sanitaria que vimos de deixar atrás, que obrigou aos centros educativos a ampliar espazos e realizar desdobres, posibilitou a demostración do que levabamos moito tempo defendendo e propugnando desde a nosa organización e todas as ANPAS que a
conforman: as ratios son excesivamente elevadas e non teñen en conta as concretas singularidades dos integrantes de cada aula, imposibilitando unha atención específica de calidade, particularmente aos nenos e nenas con NEE. Son un número, sen mais, aplicado en aras a unha suposta igualdade que realmente xera desigualdade, desatención e en definitiva pobreza educativa.
Unha vez mais, e non van poucas, a Consellería desatende as demandas da comunidade educativa, dos mestres e das familias, que conxuntamente solicitamos o reforzo do profesorado en todas as etapas educativas, favorecendo, como así foi en tempo de pandemia, os bos
resultados académicos, as demandas específicas do alumnado de cada centro educativo e a imprescindible atención á diversidade. Unha vez mais, recórtase o cadro de persoal docente, suprímense os desdobres e masifícanse as aulas, nun novo ataque ao ensino público no
momento en que mais apoio necesita.
Nestes intres, cando a pandemia está ainda tristemente presente nas nosas vidas afectando de cheo ás familias, apenas empezamos a ollar as súas consecuenciass e danos mais persistentes. No ámbito educativo as labores de reparación e recuperación do alumnado mais
desfavorecido e golpeado pola pandemia vai esixir do sistema educativo adxudicar recursos materiais e humanos extraordinarios. Desfacer o camiño andado neste sentido amosa unha falta de visión a longo prazo e unha evidente incapacidade para asumir que a igualdade de
oportunidades non é só unha frase bonita para facer roldas de prensa. É un dereito que debe ser garantido pola Administración, pero comprometido polos recortes previstos para o vindeiro curso.
Manifestar, finalmente, o noso total apoio, polos motivos que se deixan reflectidos, ás ANPAS dos CEIP de Bagamonde (Begonte) e Pino de Val (Mazaricos), que se queren pechar, así como a todas as ANPAS e por extensión ás comunidades educativas dos centros en que se
pretenden pechar aulas e/ou recortar profesorado, que a día de hoxe nos constan xa superan a treintena: CEIP San Marcos (Abegondo), CEIP A Maía (Ames), EEI VIlarrodís (Arteixo), CEIP Praia Xardín (Boiro), CEIP Portofaro (Cambre), CEIP Sagrada Familia (A Coruña), CEIP Salgado Torres (A Coruña), CEIP Isaac Díaz Pardo (Culleredo), CEIP Recimil (Ferrol), CEIP Areouta (Fisterra), CPI Pontecarreira (Frades), CEIP O Coto (Negreira), CEIP A.D.R. Castelao (Ordes), CEIP Flavia (Padrón), CEIP Santa María (As Pontes), CEIP Serra de Outes (Outes), CEIP Deán Grande (Ribeira), CEIP Palmeira (Ribeira), CEIP A Igrexa-Calo (Teo), CEIP Princesa de España (Verín), CEIP Folla Respino (Vilamarín de Valdeorras), CEIP A Pedra (Bueu), EEI A Pastora (Cambados), CEIP Dr. Suárez (Fornelos de Montes), EEI N. Sra. do Carme (Marín), eCEP Altamira (Salceda de Caselas), CEIP Nº 2 (Tui) e CEIP Frián-Teis (Vigo).
Apelamos á Consellería de Educación: a que escoite á comunidade educativa, partidos políticos, sindicatos do ensino, en definitiva á sociedade galega, a que se deixe de considerar á escola pública como un un laboratorio de probas.
Esiximos:
- Que non se peche ningún centro educativo público galego mais.
- Que se manteñan nos Centros todo o profesorado necesario para garantir e consolidar cando menos os desdobres autorizados en todos os niveis educativos no curso 20/21.
- Que se reforcen os cadros de persoal do ensino público co obxectivo de reducir as ratios máximas por aula.
- Que a inversión económica en educación sexa unha prioridade,non é de recibo facer e desfacer cando falamos da formación do alumnado.
Atentamente,
Xunta Directiva de CONFAPA-GALICIA.
Ti que opinas? on "Supresión de unidades e peche de centros escolares"