Un inicio de curso precipitado

imaxe rolda de prensa da plataforma

A precipitación e a descoordinación no desenvolvemento da LOMCE marcan este inicio de curso con máis alumnado e con menos profesorado.
Despois das últimas eleccións autonómicas o mapa político mudou radicalmente. Xa son 12 as autonomías onde o PP perdeu os gobernos. Nun primeiro momento todo apuntou a unha rebelión na conferencia sectorial. Pero nin o cambio de ministro nin o cambio de gobernos autonómicos conlevaron cambios importantes. Toda a escenificación previa saldouse con dúas concesións:

  • Compromiso a discutir sobre esponxar o tempo de aplicación das reválidas de secundaria.
  • Reducir de 5 millóns a 1 o orzamento para alumnado que deba ser escolarizado en castelán en Cataluña.

Estas dúas concesións non son máis que fume porque:

  • As revalidas de secundaria e bacharelato non teñen efectos ata o 2017.
  • O último orzamento para atender alumnado en castelán en Cataluña non foi utilizado máis que nunha pequena proporción.

Para neutralizar as medidas que impón a LOMCE hai que cambiar/tocar a lei e iso deixou claro o ministro que non se ía facer.

O novo conselleiro ven da conferencia sectorial con regalos para todos do novo ministro:

  • Taxa de reposición do 100%: se é certo que estamos a saír da crise a medida adecuada é a eliminación da taxa de reposición. Nos últimos anos levamos perdidos preto de 3.000 profesores e profesoras. É o momento de facer OPE coa reposición completa, per tamén cun plan de recuperación dos postos de traballo perdidos. Esta é a única forma de recuperar a equidade perdida do noso sistema educativo.
  • FPB: queixase o Conselleiro de pouca demanda da FPB e incide nun plan para fomentala. Esquece que se hai pouca demanda é porque as familias rexeitan un itinerario que non leva a ningunha parte por moito que o Conselleiro se empeñe e tratar de enganalos. Afirma que a FPB é moito mellor que os PDC, cando non é certo. O alumnado do PDC, en moitos casos obtiña a titulación de graduado en ESO. Isto non vai ocorrer coa FPB; ou alguén cre que o alumnado rexeitado do sistema, sen apoios nin medidas de atención á diversidade vai titular aprobando unha proba externa igual á que fai o alumnado que cursa a ESO?.
  • Dar máis peso ao profesorado: ninguén pode crelo cando continúan as medidas derivadas dos decretos de recortes como vai a concretar o meu compañeiro: interinos que non cobran o verán, extras recortadas, incremento horario lectivo…

A realidade é que o goberno galego inicia o curso con 13 escolas rurais menos, pechando 84 aulas e con máis de 100 postos de traballo estruturais menos; o profesorado de PT e AL sufriu unha redución importante sendo insuficiente a dotación actual; a taxa de interinidade xa está en cifras que rondan o 12% (chegamos ao 4,8% antes de gobernar o PP); incremento notable de supresións e desprazamentos así como de itinerancias e impartición de materias afíns…
Que non nos enganen as boas palabras, o goberno de Rajoy ten comprometido con Bruxelas unha redución do investimento educativo ata o 3,7% do PIB para 2018 volvendo así a cotas anteriores aos anos 90 e este compromiso obriga ás comunidades autónomas a reducir o gasto no sector.
Con respecto á man tendida ao diálogo a día de hoxe nada de nada, segue a folla de ruta marcada polo ministerio de forma fidedigna: aplicación (quizás a máis ortodoxa) da LOMCE a ultranza. Improvisación, desorde e caos no comezo de curso.

IMPLANTACIÓN DA LOMCE

Datos indiscutibles e obxectivos avalan a denuncia sobre a precipitación na implantación da LOMCE en Galicia:

  • Houbo que esperar ao DOG do 29 de xuño para coñecer o Decreto 86/2015 polo que se establece o currículo da ESO e o bacharelato na comunidade autónoma de Galicia.
  • Ata o 21 de xullo non se publica en DOG a Orde pola que se establece a relación das materias de libre configuración autonómica e o seu currículo.
  • Tivemos que esperar ata o 29 de xullo para ver publicada a Resolución pola que se ditan instrucións para a implantación do currículo da ESO e Bacharelato nos centros galegos.

A Consellería manexou os tempos para que os centros non puideran organizar materias propias (lembremos que as instrucións son publicadas o 29 de xullo). A tardanza en publicar os currículos provocou que a maioría dos centros non puideron deseñar a materia de libre configuración propia. Así en bacharelato (todas as materias de libre configuración autonómica son de dúas horas) non existe alternativa á relixión polo que hai alumnado que se ve obrigado a cursar esta asignatura pola propia combinación de materias optativas; concretamente aqueles que elixen unha materia de dúas horas e outra de tres, xa que a única que permite completar as 6 horas obrigatorias é a relixión; ou ben esta opción ou ben cambiar todas as materias optativas elixindo dúas de tres horas ou unha de catro e outra de dúas.

Despois de todos estos atrancos o profesorado empezou a traballar en setembro tendo que programar ao abeiro da LOMCE sen formación previa nin apoio da administración.

MATERIAL ESCOLAR

Nun período de crise como este moitísimas familias teñen dificultades para acceder aos libros de texto e material escolar. As bolsas son insuficientes porque non chegan a todas as familias con dificultades económicas nin alcanzan para todo o material escolar. O acceso ao banco de libros volveu a ser un desbaraxuste; este curso incrementouse o número de familias con dereito ao mesmo con respecto ao anterior pero a Consellería non o preveu, e así tivo que publicar unha Orde o 21 de xullo para complementar o que xa tiña regulado e encher as lagoas pendentes. Especial importancia tivo a actuación das ANPAS, seguindo as indicacións de CONFAPA, poñendo a disposición das familias os bancos propios creados cando este goberno retirou o servizo de préstamo. Esta situación supuxo unha carga de traballo moi grande aos equipos directivos, maior se cabe en primaria que non existe a figura de administrativo nos centros. Para rematala en setembro a administración publica unha norma para axudas para adquisición de material escolar nos mesmos termos que os libros de texto (en función da renda) e que se concreta nunha axuda de 50 euros: máis traballo burocrático para os centros e de novo en datas tardías. Seguimos a demandar a gratuidade universal mediante o sistema de préstamo que xa experimentamos en Galicia e que non supón maior desembolso económico que o sistema actual

 

logo-plataforma-perfilado

Ti que opinas? on "Un inicio de curso precipitado"

Deixa un comentario

O teu email no se publicará.

*



*