Demasiadas materias, ratios elevadas que fan que a relación dos docentes co alumnado non sexa tan persoalizada como é desexable. O traballo por proxectos e o desenvolvemento das distintas competencias fanse complicados cando son máis de vintecinco os alumnos, ao igual que ocorre cos tempos de laboratorio se falamos de Secundaria.
En Galicia a duración das clases é de 50 minutos cun recreo de 30 na Primaria ou dos de 20, segundo os casos, na Secundaria. Seis sesións de clase intensiva ao día son máis que suficientes e os rapaces chegan ás dúas últimas horas cansados e desmotivados. Mais os currículos de cada asignatura esixen tempo a maiores.
Se o calendario lectivo fose máis racional, se non estivera sometido ás festividades católicas -Nadal, Semana Santa- , se houbera máis tempo vacacional intermedio -unha semana cada cinco, por exemplo-, o alumnado podería distribuir mellor o seu tempo para as tarefas académicas.
Nestes tempos, o maior problema é o traballo que teñen que facer no fogar unha vez rematada a xornada escolar: os famosos deberes obrigatorios, que son a mellor maneira de rachar coa equidade que defendemos desde a Escola Pública. Hai familias que non poden axudar aos fillos porque non saben ou non dispoñen de tempo debido ó seu propio traballo, fogares onde non hai as ferramentas precisas, léase libros, conexión a internet e aparellos dixitais; outras familias que poden pagar unha clase particular e moitas que non poden contemplar esta posibilidade. Sempre o criterio socioeconómico por riba da igualdade pretendida.
Non aos deberes que segregan e si á racionalización do calendario escolar para que estes desaparezan.
Helena Gómez Vecino.
CONFAPA-GALICIA.
Ti que opinas? on "Deberes que segregan"