Crise sanitaria COVID-19. 2ª Carta á Conselleira de Educación

Logo-CONFAPA

Dona Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

Desde CONFAPA Galicia, preocupados pola actual situación excepcional que estamos a vivir e particularmente pola incidencia que a mesma terá inevitablemente no proceso educativo dos nosos fillos e fillas, requerimos novamente á Consellería a fin de que tome en consideración o noso posicionamento de cara ao desenvolvemento e finalización deste curso escolar, asi como das medidas a implementar de cara ao vindeiro 2020-2021 para eliminar as eivas que inevitablemente xurden deste estado de confinamento no ámbito educativo.

CONFAPA Galicia é sabedora de primeira man dos problemas das familias neste tempo, centrado primordialmente no estado de saúde físico e sicolóxico de pais, nais e rapazada, pero tamén nas súas carencias a nivel educativo, nas fendas que as dificultades de acceso a contidos telemáticos están a provocar, na necesaria atención á diversidade que non se está en condicións de prestar, na abafante carga de traballo para os estudantes que non son quen de atender, nas dificultades dos docentes para a impartición telemática da materia,…en definitiva, de canto xa temos exposto a esta Consellería en anteriores comunicacións, situacións todas elas que han de levar, ao xuízo desta Confederación e do sentir xeralizado que nos transmiten as nosas ANPAS e as familias que as integran, a dar por rematado o presente curso co traballado polo alumnado na data de inicio do confinamento.

Certo é que ningunha solución é intrínsecamente boa para o desenvolvemento do que resta deste curso escolar, pero hai que adaptarse ao tempo que nos tocou vivir e as circunstancias que concurren específicamente no noso país, sen ollar cara a fóra nin copiar solucións alleas. E que Galicia non está preparada para unha terceira avaliación telemática é tan obvio que ocioso resulta canto argumentemos para avalar esta postura.

Non podemos esquecer que o alumnado estivo a traballar ata marzo nas condicións habituais de calquera curso escolar, que permitiu aos docentes un seguimento dos seus alumnos e alumnas, ainda con dúas avaliacións. Non hai por que esquecer ese traballo feito, esa aprendizaxe de case un semestre. Pero aí rematou. O 13 de marzo, o estudantado deste país rematou, de feito, o seu curso escolar, non sendo eses intentos de continuidade telemática que se estiveron a facer mais que un burato que intenta tapar o ceo. Esa é, e non pode ser outra, a postura das familias galegas.

E sendo así, CONFAPA Galicia non pode nin debe asumir outra postura que non sexa a cualificación do curso completo ata o día 13 de marzo, a paralización da actividade docente e a procura, desde xa, de solucións de cara a un vindeiro curso escolar no que haberá que reorganizar currículos e se cadra ampliar días lectivos para que o virus non destrúa tamén a calidade educativa.

Non estamos a falar dun aprobado xeral en termos estrictos, senon dun recoñecemento do traballo realizado ata o día da excepcionalidade, que ten que vir unido a un pulo excepcional que permita a quen non tiña ben aproveitado eses meses ter opción real a non quedar atrás. E precisamente a artellar as distintas vías para que ese pulo sexa posible
teñen que encararse todos os esforzos da Administración, no canto de esgotar os seus recursos en que non fine un curso desafiuzado o pasado 13 de marzo.

“Que ninguén quede atrás”, frase incansablemente oída neste confinamento, pasa de seguro pola asunción das nosas reivindicacións. A universalidade da educación, o trato non discriminatorio, a igualdade de oportunidades,… dereitos fundamentais da nosa Carta Magna impoñen o mesmo resultado.

En definitiva, o alumnado do ensino non universitario galego non merece penalización algunha derivada desta crise, antes ben, as circunstancias persoais e familiares de moitos deles xa son motivos dabondo para unha adaptación das calificacións á realidade que están a vivir. Nin a economía das familias, nin a súa capacidade económica, nin as posibilidades telemáticas, nin a capacidade do seu profesorado ou calquera outra circunstancia análoga poden mediatizar o traballo que xa tiñan feito nin o seu futuro.

Tamén os estudantes, e as familias, merecen un recoñecemento nesta situación que estamos a vivir, e a administración educativa non pode ser allea a ela e deixarse levar por criterios meramente productivos ou estatísticos, coma se dunha empresa se tratara. Son os nosos estudantes, o noso futuro, e merecen unha oportunidade, e ainda unha compensación polo que levan vivido.

Ante a premura que esixe a toma de decisións, CONFAPA Galicia ponse a disposición desta Consellería para canto estea nas súas mans de cara a un efectivo consenso na comunidade educativa, ao tempo que reclama, unha vez mais, sexa convocada e en todo caso tida en conta nas xuntanzas que a efectos decisorios poidan convocarse.

Rogelio Carballo Solla

Presidente de CONFAPA Galicia

Ti que opinas? on "Crise sanitaria COVID-19. 2ª Carta á Conselleira de Educación"

Deixa un comentario

O teu email no se publicará.

*



*