Comunicado reunión exames setembro

setembro

Logo-CONFAPA

 

CONFAPA Galicia mantivo o pasado luns unha xuntanza co Secretario Xeral de Educación, José Luis Mira, para explicarnos a decisión da Consellería de Educación de modificación do calendario lectivo e o traslado da convocatoria  extraordinaria de setembro en ESO, Bacharelato e FP básica á segunda quincena de xuño. Ao respecto e despois das explicacións do Secretario Xeral, CONFAPA Galicia expón:

  1. Que esa xuntanza foi unha mera escusa cosmética para vernizar unha decisión firme tomada ás costas das familias e do alumnado, destinatarios últimos do sistema educativo. Medida que directamente atenta contra o seu proceso formativo e da que facemos máxima responsable á Consellería de Educación, coa complicidade, ao seu dicir, da Xunta Autonómica de Directores e unha parte dos representantes sindicais do profesorado.
  2. Que CONFAPA GALICIA, como representantes das familias, e en unión de ANPAS Galegas, presentou propostas construtivas, como mover os exames de setembro á segunda quincena de xullo, aproveitando esas semanas para o traballo dos alumnos suspensos cos seus profesores, ou mesmamente manter o calendario actual e traballar en propostas de mellora do sistema educativo para minimizar a necesidade de chegar a dita convocatoria para superar as materias do curso. Todas elas foron rexeitadas por argumentos tan peregrinos como a coincidencia coas oposicións do profesorado en xullo ou o alto fracaso en setembro.
  3. Resumidamente, a  xuntanza rematou coa mesma pregunta plantexada de inicio por CONFAPA Galicia: Esta decisión é firme ou a Consellería plantexa un ámbito de diálogo e cooperación para buscar a mellor solución posible para o alumnado? A resposta dos feitos deixa claro que non fomos máis que un trapo para dar lustre á decisión da Consellería.
  4. Sobre esta decisión a conclusión que sacamos, unha vez mais, é que para a Consellería as familias somos as grandes esquecidas, ningunéasenos unha vez mais, e a única consideración da Administración, e non moita por iso, ven sendo para os seus traballadores, o profesorado, aos que alomenos dáselles a opción de opinar na mesa sectorial. Conságrase definitivamente a inversión da razón de ser da función pública, que xa non existe para proporcionar un servizo pagado a prezo de ouro polos cidadáns cos seus impostos senón que o seu sentido último é para mellorar as condicións dos seus traballadores e por riba de todo a súa propia.
  5. Debemos salientar a irresponsabilidade daqueles representantes do profesorado que avogaron polo cambio das probas extraordinarias ao mes de xuño, actuando contra o sentir da maioría dos seus representados e da propia comunidade educativa. Moitas son e teñen sido as voces que reivindican cambios, tanto dos profesionais da educación como das familias, pero eses cambios teñer que xurdir dun replantexamento global do sistema educativo, pedagóxicamente obsoleto, non de decisións parciais, arbitrarias e sen xustificación algunha. 
  6. As familias, e os seus representantes, seguiremos defendendo a nosa efectiva inclusión na toma de decisións que afecten ao sistema educativo. Por iso, desde CONFAPA Galicia estudaremos todas as fórmulas e accións que materialicen o noso rexeitamento máis contundente a este atropelo aos dereitos do alumnado e das familias.

Xunta Directiva CONFAPA-Galicia

 

Comunicado reunión exames setembro(pdf)

1 Comentario en "Comunicado reunión exames setembro"

  1. Penso que e un error pasar os exames para Xullo. Case non teran tempo para preparar as recuperacions.
    Moi mal por parte de Educacion non ter enconta a opinion dos estudiantes e das familias.

Deixa una resposta a Emma Cancelar a resposta

O teu email no se publicará.

*



*